martes, 7 de marzo de 2023

Carlos recibe o Premio VIDE

Coa entrega do Premio VIDE, Carlos recibiu o recoñecemento do deporte vigués despois de toda unha vida dedicada ao fútbol en Alcabre,

 

Arropado pola súa familia e por directivos e adestradores, o noso Presidente de Honra, recibiu unha merecida homenaxe. 
Este é o texto que enviamos aos organizadores dende o Arenas de Alcabre cando nos comunicaron que estaba nominado ao premio, no que tamén quixemos valorar o esforzo de todas as persoas que xunto a Carlos o fixeron posible:

Carlos López Fragueiro, “Lugués”, é un veciño de Alcabre, do lugar da Fonte, onde naceu alá por 1945. Traballador incansable e amante do deporte actualmente é o presidente de honra do Arenas de Alcabre SCD.
Atrás quedan os días de loita obreira e sindical, que o curtiron e o forneceron para outra paixón, o fútbol. Sempre axudando e sempre buscando a complicidade de amigos e veciños para aportar tempo e traballo a prol do equipo do barrio. Todo isto para dar continuidade  a unha traxectoria deportiva que se remonta a 1933.
Nun momento critico, polas débedas acumuladas, o Arenas desaparece  e xorde o Deportivo Galicia do que foi o seu primeiro presidente. Como tantos outros directivos, a súa labor abarcou dende a organización e representación do club como das tarefas diarias de utilleiro, masaxista, chofer, ou mesmo pai de moitos nenos. Buscar campos onde xogar, organizar competicións para as categorías non federadas, buscar árbitros, lavar equipaxes, amañar vestiarios e duchas, marcar o campo de cal, desfacer os terróns dos barrizais resecos polo aire do norte, pedir cartos polas casas para poder pagar seguros e fichas...,  poderiamos estar a falar sen descanso do traballo que unha semana si e outra tamén ocuparon de xeito altruísta a Carlos e a outros bos homes que fixeron posible que os rapaces da parroquia e da contorna tiveran a oportunidade de xogar ó futbol.
Aqueles campos de terra xa son hoxe un recordo pretérito. Pero quen non se acorda de campos como o de Marcelo, o de Vilar, Pardavila, a Bouza, Gitano, Brujas, a Xunqueira, os de praias en Samil e no Vao, e tantos outros.  ...
Xa en 1996 Carlos participou na refundación do Arenas de Alcabre, e novas xeracións foron consolidando o club tanto nas labores de dirección como nas deportivas, sempre con Carlos para aconsellar animar e mesmo criticar cando é preciso. Que o lema do club sexa “paixón, respecto e humildade” ten moito que ver coas características de Carlos e de toda a xente que traballou arreo polo deporte base.
Como recoñecemento á personalidade de Carlos, o Arenas de Alcabre entrega dende hai xa cinco anos o Trofeo López Fragueiro ao xogador de cada equipo do club que a consideración dos xogadores e cadro técnico de cada equipo sexan recoñecidos polos valores de paixón, respecto, humildade, esforzo e compañeirismo.
Pero non podemos falar de Carlos e doutros directivos como el sen esquecer ás súas familias, mulleres e fillos, que sufriron moitas fins de semana sen a súa compañía, pero que sempre os apoiaron. Sen todas e todos eles isto non sería posible.
Sempre Carlos!!! Sempre “Lugués”  AupaaaArenas!!!

Galería de Fotos do Acto 

Crónica no Atlántico Diario


Crónica no Faro de Vigo

 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario