sábado, 21 de enero de 2023

Homenaxe a Pahiño

 Hoxe, 21 de xaneiro, día do aniversario do xogador infantil Javier Lois e de Adán o adestrador do Alevín A, cúmprense 100 anos do nacemento de Pahiño aquí na parroquia de Navia; xogador histórico do Real Club Celta de Vigo e do Real Madrid onde se converteu no seu máximo goleador durante moitos anos, foi internacional absoluto coa selección española, gañou dúas veces o Trofeo Pichichi e actualmente ocupa o décimo posto na lista de máximos goleadores de todos os tempos da Liga. Completou a súa carreira xogando no Deportivo da Coruña e no Granada CF.

O campo de futbol onde adestramos e xogamos os partidos leva o seu nome na súa memoria.

O Arenas de Alcabre foi o clube onde empezou a alimentar os seus soños de gloria e o seu espírito combativo, e por iso os actuais componentes do Arenas lembramos ao noso xogador máis recoñecido no seu Centenario.

O Arenas como clube modesto quería facer a súa pequena homenaxe a un dos seus, posiblemente a un dos grandes futbolistas españois de todos os tempos, xuntando a unha representación de xogadores das diferentes categorías, adestradores e directivos; que o noso xogador que hoxe cumpre anos leese unha pequena reseña de quen foi Pahiño, facendo unha ofrenda floral a unha imaxe de Pahiño rescatada dos arquivos e finalizando cun minuto de aplausos na súa memoria. Logo pegaremos a foto na fachada da grada.

Un pequeno acto simbólico, de lembranza e agradecemento a un dos nosos. Ao mais recoñecido xogador que pasou polo Arenas de Alcabre na súa historia. 

AupaaaArenas!!!




No hay comentarios:

Publicar un comentario