domingo, 25 de septiembre de 2022

Crónica da Xornada

Os equipos de Fútbol-8 continúan xogando amigables de pretemporada antes do inminente inicio da liga o próximo 8 de outubro.

O Valadares recibiu a visita de 3 equipos, o formado por Prebenxamines e Minis volveu disputar un partido impresionante que rematou cun empate 5-5 que fixo as delicias de todos.

O Alevín B noutro partido emocionante gañou finalmente por 3-5.

Moito máis clara foi a vitoria do Alevín A que venceu ao equipo local por 0-5.

En Bouzas o Benxamín B derrotou o Rápido por 3-4 noutro emocionante partido.

Pasando aos equipos de Fútbol-11 que están inmersos na Competición Oficial, o Infantil B sufriu outra forte derrota, esta vez por 11-2 ante o SR Casablanca, un partido no que os dous equipos propuxeron fútbol de toque que a afección na bancada agradece, na primeira parte houbo igualdade e o 1-0 non chegou ata o minuto 20, en parte grazas á boa actuación do noso porteiro Mohamadu, e ao descanso chegouse cun 3-0. A segunda metade foi un vendaval do SR Casablanca, ao que se sumou un desplome do Arenas que o levou a atrasar as liñas defensivas. Joaquín e Ouseynou foron os autores dos dous goles do Arenas; é meritoria a actitude dos xogadores e a súa firme aposta pola mellora destes resultados, demasiado esaxerados para o desenvolvido no terreo de xogo.

O Gran inicio continúa no debut do Infantil A en 1ª, outro empate fóra da casa, esta vez en Bouzas onde se xogou un derbi moi disputado; partido enorme ante un gran rival que contaba con vitorias os partidos anteriores. Esforzo e tesón no terreo de xogo, acompañados de paixón nas bancadas. Un empate que nos sabe pouco, pero moi importante.

Miguel anotou o gol do empate no minuto 72 e iso leva ao equipo a un magnífico 5º posto na táboa clasificatoria.  

Gran partido e rotunda vitoria do Cadete B en Chapela. Tres goles de Hugo, un de Iker e outro de Sergio completaron o 1-5 final.

Mala sorte para un xogador da UVCD Candeán que se lesionou gravemente no partido ante o Cadete A. O balbordo provocado pola situación, principalmente entre os compañeiros do  lesionado, determinou a suspensión do partido cando se levaban 7 minutos disputados e o marcador indicaba 0-1 a favor do Arenas. Moito ánimo ao xogador e o UVCD Candéan, dende o Arenas desexámoslle unha pronta recuperación. 

O Xuvenil B, que descansou esta xornada de liga, xogou un amigable en Valladares ante o equipo local, como nos están acostumando, un encontro con moitos goles cun resultado final de 3-3.

Terceira derrota pola mínima do Xuvenil A neste complicado inicio de liga con equipos que disputaron a pasada tempada a Liga Galega.

Desta volta en Atios, onde a pesar de comezar gañando cun gol de Brais, o conxunto local conseguiu remontar e aguantar as embestidas e oportunidades das que dispuñan os nosos xogadores para lograr un resultado positivo.




No hay comentarios:

Publicar un comentario